http://www.esculca.gal/web/sites/all/themes/marinelli/img/logo.png



Resumo de Noticias

1º Trimestre de 2016






XANEIRO


O valor total supera os 20.000 euros
A Xustiza anula 50 multas das protestas das preferentes

A Coordenadora Galega de Afectados por Preferentes e Subordinadas afirma que a práctica totalidade das multas recorridas foron falladas a favor dos sancionados nos máis de cincuenta xuízos celebrados no último ano. Reclama a identificación dos autores das ducias de denuncias e multas impostas "sen ningunha causa nin xustificación, como acreditan as perto de 50 sentenzas".

Ler máis


Outros colectivos sancionados polos mesmos feitos
Queremos galego recorre nos xulgados unha sanción da delegación do goberno

Tres meses despois da manifestación do Día das Letras de 2013, a Delegación do Goberno impuxo unha sanción á plataforma Queremos Galego por desperfectos e incidentes observados, suposta e unicamente, por axentes da Policía. Outros colectivos que se manifestaron na altura por diversos motivos en Compostela foron tamén acusados ao mesmo tempo dos mesmos feitos.

Ler máis


A instancias dun cidadán que presentou queixa
A Valedora pide explicacións ao CSIC por prescindir da língua galega

O Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) depende do Ministerio de Economía. En Galiza conta cunha delegación e 5 centros- Un deles, o Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, herdeiro de boa parte do legado do Seminario de Estudos Galegos, é de titularidade compartida coa Xunta, que ademais colabora economicamente co CSIC en diversos proxectos.

Ler máis


POR EXHIBIR BANDEIRAS GALEGAS
Queixa ao Defensor del Pueblo polas identificacións policiais na 'Vuelta'

Dereitos Civís presentou queixa perante o Defensor del Pueblo a raíz das identificacións policiais a persoas que “levaban bandeiras galegas” ao paso de 'La Vuelta' ciclista por localidades do país, nomeadamente Compostela. O colectivo informa que dá este paso por a Delegación do Goberno e a Xefatura Superior de Policía non lles ter esclarecido as razóns destas actuacións.

Ler máis


Aprobada coa oposición de Democracia Orensana
Moción no Pleno do Concello en Ourense en favor da libre expresión artística

O grupo muncipal Ourense en Común presentou unha moción ao Pleno do Concello do pasado dia 8 de xaneiro en que solicitaba se avance na redacción dunha normativa específica que regule as actividades en rúa e protexa a convivencia harmónica da veciñanza coa libre expresión artística. A moción foi aprobada coa oposición do GP Democracia Ourensana.

Ler máis


"Polos dereitos civis e políticos de todas e todos"
Manifestación contra a ilegalización de Causa Galiza en Compostela o 24/01

Unha trintena de colectivos e organizacións apoian a mobilización que decorrerá en Compostela sob o lema 'Polos dereitos civís e políticos para todas e todos. Non á ilegalización de organizacións políticas”. Alertan de que a ilegalización de Causa Galiza é un "salto cualitativo" na represión da disidencia políticam unha medida sem precedentes no noso país.

Ler máis


Sábado 9 - ás 17:00
Marcha a Teixeiro en solidariedade coas persoas presas

Un ano máis, e van dezaseis, persoas e colectivos anarquistas irán o próximo 9 de xaneiro, ás 17:00, até o cárcere de Teixeiro mostrar o seu rexeitamento as prisións e a súa solidariedade coas persoas presas. "Mentres sigan as torturas e os malos tratos, mentras sigan morrendo persoas en prisión, mentras siga un muro en pé, seguiremos berrando en favor da liberdade", afirman.

Ler máis


Varias persoas morreron na Galiza
Denuncian o SERGAS por non receitar medicamentos contra a Hepatite C

A fiscalía vén de presentar unha denuncia contra o Servizo Galego de Saúde (Sergas) nos xulgados de Compostela polas restricións impostas pola Xunta aos fármacos receitados a enfermos de hepatite C. O ministerio público considera que hai responsabilidades penais na cúpula directiva de Sanidade por non ter facilitado os medicamentos a doentes que acabaron falecendo.

Ler máis


Fora condenado dúas veces polo mesmo acto
O Supremo anula condena de 7 anos de prisión a preso independentista

O TS vén de absolver C.C.V. do delito de "tenza de explosivos" revogando a condena de 7 anos imposta pola Audiencia Nacional española o 15/04/2015. A sentenza sinala que xa fora condenado polos mesmos feitos en decembro de 2014" e lembra que "dous actos" que fican "temporalmente diferenciados constitúen un único delito se entre un e outro a persoa non foi detida ou imputada".

Ler máis



A Fiscalía denuncia o SERGAS
Morre preso en Teixeiro sen recibir tratamento contra a Hepatite C

A semana pasada, probabelmente na sexta-feira 8 de xaneiro, morreu na prisión de Teixeiro J.V.P., natural da Coruña, por problemas hepáticos. O interno non recibira o tratamento para a hepatite C que padecía. Hai uns dias a Fiscalía presentou denuncia contra o SERGAS por responsabilidades penais derivadas de non faciliar medicamentos a doentes que acaban falecendo.

Ler máis


Sen noticias sobre eventuais medidas preventivas
Investigan causas da nova morte de preso no cárcere da Lama

ASCV faleceu o pasado día 19, aos 24 anos, na súa cela da prisión da Lama (Pontevedra). As autoridades investigan se se trata dun suicidio ou dunha morte por consumo de metadona adulterada. Persoas achegadas ao preso sosteñen que consumía a droga consciente do seu mal estado coa intención de acabar coa vida, pois levaba xa moitos meses «moi abatido e deprimido».

Ignoramos que medidas terá tomado, se as tomou, a dirección do centro para evitar esta situación e o seu previsíbel desenlace.

Ler máis


654 persoas nos cárceres ubicados na Galiza
A Xunta négase a informar a Valedora da situación de doentes de VHC nas prisións

A Consellaria de Sanidade mantense en silencio desde setembro de 2015 embora terlle sido solicitada a información "até en dúas ocasións" sobre a situación das persoas presas en cárceres da Galiza que padecen Hepatite C . Entretanto, Institucións Penitenciarias rexeita que se inicie un proxecto piloto para o tratamento desta doenza en Teixeiro e A Lama.

Ler máis


Teria vulnerado dereitos fundamentais da entidade
Declarado nulo o auto que acordaba a suspensión da actividade de Causa Galiza

A Sección 2ª da Sala do Penal da Audiencia Nacional estimou o recurso de apelación da Asociación Causa Galiza e declarou a nulidade -por a entidade non ter podido exercitar o dereito á defensa- do auto do Xulgado de Instrución nº 6 da Audiencia Nacional, ditado polo xuíz Eloy Velasco, que acordara a suspensión de actividade de Causa Galiza.

Ler máis


Debate no Pleno do Parlamento Galego
Reclaman tratamento urxente para as persoas presas afectadas de Hepatite C

No Pleno do 26 de xaneiro será debatida unha Proposición non de Lei presentada pola deputada Montse Prado (BNG) sobre a situación das aproximadamente 750 persoas presas en cárceres ubicados na Galiza que padecen Hepatite C. A deputada asegura que só unha decena recibe tratamentos adecuados e insta a tomar medidas urxentes pra solucionar esta situación.

Ler máis


As persoas presas afectadas de Hepatite C
Aprobada iniciativa parlamentar en favor da aplicación dos novos fármacos

O pleno do Parlamento Galego aprobou hoxe por unanimidade a Proposición non de Lei presentada pola deputada Montse Prado Cores (BNG) en que se insta o goberno a tomar as medidas necesarias para dispensar sen demora os novos tratamentos contra a Hepatite C a todas as persoas presas afectadas e establecer un sistema coordinado entre o SERGAS e Institucións Penitenciarias.

Ler máis


Á Valedora do Pobo e a AEPD
EsCULcA reclama supresión de datos persoais publicados polo IGVS

Con data 27 de xaneiro, EsCULcA enviou escritos ao Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) e á Valedora do Pobo en que reclama sexan adoptadas de inmediato as medidas necesarias para que o Instituto Galego da Vivenda e o Solo (IGVS) suprima os datos persoais, incluídos os de menores de idade, que aparecen nunha resolución publicada na páxina web da entidade.

Ler máis


Vetada no seu día polo goberno español
Reclaman unha visita institucional do Parlamento Galego aos cárceres galegos

A deputada Noela Branco (PSdG) exixiu esta quinta feira unha visita institucional do Parlamento de Galiza á prisión de Teixeiro após o que cualificou de “veto” imposto polo goberno español, “que impediu a visita solicitada dende o Grupo Socialista aos centros penitenciarios galegos nun intento de esconder a situación real dos cárceres galegos”.

Ler máis


obrigado pola lei de transparencia
A Xunta non actualiza desde abril o rexistro de convenios

En novembro de 2006 entraba en vigor en Galiza o decreto que regulaba o rexistro de convenios (art.7) , un dos puntos máis novidosos que, non sen friccións entre os socios do Goberno bipartito, se incluía na Lei de transparencia e boas prácticas. O actual Goberno leva nove meses sen actualizar os datos públicos do rexistro.

Ler máis


en aplicación da "lei mordaza"

Multa de 300 euros a preferentista por comentario no Facebook

A policía local de Tui denunciou Y.V., estafada no calote das preferentes da Plataforma do Baixo Miño, por un comentario no seu perfil de Facebook. A Subdelegación do Goberno impuxo á acusada unha multa económica de 300 euros amparándose na Lei Mordaza. É a primeira vez que un membro da Plataforma recibe unha sanción por expresar a súa opinión nas redes sociais.

Ler máis


Proposición non de Lei no Parlamento Galego
Reclaman medidas contra "vulneración dos dereitos" das persoas presas

A deputada Tereixa Paz (BNG) presentou na Comisión de Xustiza e Interior do Parlamento Galego unha Proposición non de Lei para reclamar medidas contra a “vulneración dos dereitos fundamentais” de un interno agredido por un xefe de servizo e 5 funcionarios no cárcere de Teixeiro o pasado 06/11 en represalia por protestas no módulo 15 en demanda de mellores condicións no centro.

Ler máis





FEBREIRO


Por agora sen resposta
EsCULcA solicita información sobre mecanismo de denuncias anónimas

O 24/12/2015, ao abrigo da Lei 19/2013 de Transparencia, Bon Goberno e Acceso á Información, EsCULcA solicitou do Ministerio do Interior información referida á implantación dun mecanismo para recoller denuncias anónimas a través dunha aplicación, unha páxina web e un teléfono habilitados a tal fin polo propio goberno español no ámbito da campaña Stop-Radicalismos.

Ler máis


Após case 20 días de inactividade da administración
EsCULcA reclama medidas urxentes pola desaparición de veciño de Vilasantar

O pasado dia 5 de febrero, EsCULcA presentou xunto da Valedora do Pobo queixa para a adopción de medidas urxentes en relación á inactividade da administración da Xunta de Galiza con competencias en materia de emerxencias, así como do Ministerio de Interior, en relación á desaparición de M.S.L., veciño de Cerza (Vilasantar) que leva mais de 20 días extraviado no monte.

Ler máis


Defensoría del Pueblo
Admitida a trámite Queixa de EsCULcA por violación de dereitos en Teixeiro

Con data de rexisto 29/01/2015, Concepció Ferrer i Casals, adxunta á Defensora del Pueblo, comunicou a EsCULcA a admisión da súa Queixa referida á situación no Módulo núm. 15 do C.P. de Teixeiro (de isolamento) onde, segundo testemuños recollidos polo noso observatorio, se producen vulneracións constantes de dereitos fundamentais, incluídos malos tratos.

Ler máis


Contra o retroceso nas liberdades
Mobilizacións en diferentes cidades da Galiza en defensa do dereito de folga

CCOO e UXT denuncian que o Reino de España camiña "cara un Estado de carácter policial" en que "xa se criminalizaron as actuacións de trescentos sindicalistas en defensa dos dereitos dos traballadores". Este luns distintas cidades galegas acolleron mobilizacións en favor do dereito de folga, ao considerar que se está restrinxindo o seu exercicio" para "silenciar á cidadanía".

Ler máis


Denunciou vexacións durante a detención en 2009
Activista será xulgada en febreiro polo seu traballo con persoas migrantes

O 23 de febreiro L.B. volverá ser xulgada no cadro dun proceso en que é acusada dun suposto delito de falsidade documental, segundo a Fiscalía, e de tráfico de persoas, segundo a denuncia policial. A activista denunciou ter sido obxecto de vexacións durante a súa detención en 2009 e atribúe a acusación a unha tentativa de evitar o seu traballo en favor de migrantes.

Ler máis


A decisión fora anulada por vulneración de direitos
O xuíz Velasco sopesa volver suspender as actividades de Causa Galiza

Eloy Velasco debe decidir se volve suspender as actividades de Causa Galiza, como xa fixera en novembro a raíz da 'Operación Jaro'. A decisión foi anulada pola sala do penal da A.N. por o maxistrado a ter adoptado vulnerando dereitos fundamentais. Esta segunda feira, na A.N. compareceron o maxistrado, o Fiscal do estado e a defensa asi como representantes de Causa Galiza.

Ler máis


"Enaltecemento do terrorismo"?
Un mozo disfarzado de marionetista e tres amigos identificados no entroido

O pasado 8 de febreiro, catro mozos foron identificados por axentes do CNP no decurso das celebracións do entroido na Praza Maior de Ourense. O primeiro en ser identificado foi un mozo; M.S.R. que ía disfarzado de marionetista e exhibía un cartaz co lema “Gora Alka-ETA”. Os tres restantes limitáronse a interesarse polas razóns da identificación do amigo.

Ler máis  / Entrevista aqui


Agora por un ano "prolongábel"
A Audiencia Nacional mantén suspensión de actividades de Causa Galiza

Eloy Velasco da AN mantén a suspensión de actividades de Causa Galiza após compareceren esta 2ª feira o Ministerio fiscal e defensa. A suspensión decretada en novembro fora anulada por vulnerar dereitos no procedemento. A "protección de futuras vítimas” ou “conxurar a defensa social na evitación da continuidade delictiva” son os argumentos utilizados polo xuiz.

Ler máis


Valedora do Pobo
Admitida a trámite reclamación de EsCULcA sobre protección de datos

Con data 08/02, a Valedora do Pobo notificou a EsCULcA a admisión a trámite da súa queixa referida á publicación de dados protexidos relativos á saúde, ingresos, capacidades funcionais, etc. dunha solicitante de vivenda e o seu núcleo familiar na páxina web do Instituto Galego da Vivenda e Solo, o que supón infracción do dereito á honra e intimidade das persoas afectadas.

Ler máis


"os homosexuais non poden educar"
5 meses de prisión para 3 estudantes por protesta contra profesor homófobo

A Fiscalía pede 5 meses de prisión a A., M. e A., por supostamente participaren nun escracho contra Domingo Neira, profesor de Ciencias da Educación da USC, denunciado por varios colectivos xuvenis na secuencia das súas declaracións homófobas nas aulas. O profesor foi expedientadoe suspendido en 2013 mais a Universidade optou finalmente por o readmitir.

Ler máis


Por cuestións de forma e fondo
A defensa pede a nulidade do auto que suspende a actividade de Causa Galiza

A defensa de Causa Galiza recorreu perante a sala do penal da Audiencia Nacional o auto do xuíz Eloy Velasco polo que reiteraba a suspensión de actividades da organización independentista, por un ano e prorrogábel. O avogado Guillerme Presa confirmou que solicitaran “a nulidade do auto”, tanto por cuestións de forma como de fondo.

Ler máis


Reclama a Plataforma polo dereito ao aborto
Mellor asistencia e fin da obrigación de practicar abortos inducidos

Unha concentración ás portas do Hospital Materno Infantil da Coruña, convocada pola Plataforma polo dereito ao aborto, reclamou a pasada quinta feira (18-Feb) que se garanta o "aborto digno" para aquelas mulleres que interrompen a gravidez durante o segundo trimestre e se preste a debida atención sanitaria para rematar cos casos de abortos por indución.

Ler máis


Negada tamén entrevista co Director de Teixeiro
Nova negativa a deputadas galegas para se entrevistaren con persoas presas

Con data 9 de decembro de 2015, o Delegado de Goberno na Galiza, Santiago Villanueva Álvarez, notificou ás deputadas Consuelo Martínez García e Carmen Iglesias Sueiro (Grupo Mixto) a denegación de autorización para se entrevistaren co director do C.P. de Teixeiro e os internos J.A.S.B. e S.S.M. por expresa negativa da subdirección xeral de Relacións Institucionais e Coordenacón Territorial.

Ler máis

Acusado de enaltecemento do terrorismo
A Audiencia Nacional decidirá no caso do mozo que se disfarzou de marionetista

A xuíza titular de Instrución 3 inhibiuse a favor da AN no caso do mozo ourensán M.S.R., identificado e denunciado pola PN durante o pasado Entroido por ir disfrazado de marionetista cun cartaz en que se lía "Gora Alka-ETA", en alusión ao caso dos actores madrileños que mesmo foron encarcerados durante uns días por representaren unha obra en que se exhibía ese cartaz.

Ler máis


MARZO


Siareiro do Celta expulsado de Balaídos
Considerada "exaltación do terrorismo" exhibición de bufanda celtarra

J.. siareiro do Celta, con 35 anos de antigüidade no clube, foi expulsado o 02/03 do estadio de Balaídos ao comezo do encontro entre o Celta e o Villarreal. O seu pecado: arborar durante a interpretación do himno unha vella bufanda de Celtarras. Un membro de seguridade considerou o xesto como un "acto de exaltación do terrorismo" e no incidente involucráronse varios axentes do CNP.

Ler máis


Expedientará quen coloque cartaces críticos
O SERGAS prohíbe o seu persoal cuestionar a calidade do hospital de Vigo

Félix Rubial, xerente dos hospitais e centros de saúde da área sanitaria de Vigo que dependen do Sergas, enviou unha circular a todas as persoas responsábeis de servizos, unidades e supervisión en que advirte da prohibición de colocar cartaces que cuestionen a asistencia no novo hospital. Tamén informa que se expedientará calquera traballador ou traballadora que incumpra a norma.

Ler máis


Nova censura de símbolos galegos nun estadio
Confiscan bufandas da peña "Nós" e bandeiras no Bernabeu

O persoal de seguridade do estadio Santiago Bernabeu, onde na tarde do sábado se disputou o encontro entre o Madrid e o Celta, confiscou as bufandas a membros da peña “Nós” e vetou a entrada ao campo a persoas que portaban bandeiras galegas. O motivo esgrimido polo persoal de seguridade do Bernabeu foi, segundo informa a peña, a “simboloxía”.

Ler máis


Sindicalistas identificados e denunciados
“Desproporcionada actuación policial” en concentración en Ourense

A CIG denuncia a “desproporcionada actuación” da Policía durante unha concentración do persoal de limpeza diante da Confederación de Empresarios de Ourense o 03/03/2016. Pouco antes do remate da protesta, convocada pola CiG, CCOO e UXT, os axentes denunciaron o secretario comarcal da central nacionalista, que foi sacudido, e identificaron catro representantes sindicais.

Ler máis


Ningún deles entrará no cárcere
Reducen á metade as penas aos 6 condenados no xuízo #8f45anos

Unha sentenza da Audiencia Provincial vén de rebaixar a menos da metade as penas impostas ás 6 persoas condenadas en setembro de 2014 a un total de 11 anos e 6 meses de prisión no xuízo polos incidentes de 2009 durante unha manifestación de 'Galicia Bilingüe', coñecido como #8f45anos. A decisión prodúcese após o recurso presentado pola defensa destas seis persoas.

Ler máis


Fora denunciado por EsCULcA
O IGVS retira información confidencial publicada na súa web

AEn referencia á queixa presentada polo noso observatorio o 27 de xaneiro sobre revelación de datos persoais de solicitantes de vivenda en resolución publicada no web oficial do Instituto Galego da Vivenda e o Solo (IGVS), o pasado día 7 de marzo a oficina da Valedora do Pobo notificou a EsCULcA que o ente autonómico comunicara que se procedera a bloquear o documento.

Ler máis


Denuncian presión para evitar novas mobilizacións
Aumento de sancións económicas nas protestas cidadás en Galiza

Plataformas sociais como 'Stop Desafiuzamentos' ou 'Esculca' alertaron esta sexta-feira sobre un aumento das sancións económicas por actos de protesta en Galiza nunha mobilización que tivo lugar diante da subdelegación de Goberno en Ourense en apoio a X.G., militante do BNG, multada "por desobediencia" durante un acto en contra do derrubamento dunha casa.

Ler máis


Recorre ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos
A RAG contra o decreto de plurilingüismo por "vulnerar dereitos fundamentais"

A Real Academia Galega proseguirá a batalla legal contra o chamado 'decreto do plurilingüismo'. Despois de pasar polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia -que anulou algúns preceptos da norma-, polo Supremo e mais polo Constitucional a institución académica coida que aínda hai marxe de manobra xudicial, neste caso no Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.

Ler máis


Sobre caso de preso galego agredido en Dueñas
A Defensoría del Pueblo notifica resposta de Institucións Penitenciarias

O 16/03/2016 a Defensoría del Pueblo dirixiu escrito a Fernando Blanco Arce, Presidente de EsCULcA, para dar conta da resposta de Institucións Penitenciarias à queixa presentada polo noso observatorio o 02/06/2015 perante o Mecanismo de Prevención da Tortura (MNPT) en relación coa agresión cometida por funcionarios do C.P. de Dueñas contra o preso galego A.S.

Ler máis


Sobre ficheiros da campaña Stop Radicalismo
EsCULcA reclama resposta do Ministerio de Interior

O 28/03/2016, Fernando Blanco Arce, en nome e representación de EsCULcA, dirixiu Reclamación ao Consello de Transparencia por Falta de Resolución Expresa do Ministerio do Interior á solicitude de información remitida o 26/12/2015 en que se requería información sobre o ficheiro de datos recollidos por diferentes medios no ámbito da campaña denominada Stop Radicalismo.

Ler máis


En que foron detidos 9 membros de Causa Galiza
A Defensoría del Pueblo abre expediente por irregularidades na Operación Jaro

A Defensoría del Pueblo abriu expediente en relación ás detencións da 'Operación Jaro', o operativo da Garda Civil ordenado pola Audiencia Nacional en que foron detidos 9 membros de Causa Galiza. O motivo do expediente, segundo confirma a plataforma Dereitos Civís, é que os axentes que tomaron parte no operativo non portaban a obrigatoria identificación.

Ler máis








http://www.esculca.gal/web/sites/all/themes/marinelli/img/logo.png