http://www.esculca.gal/web/sites/all/themes/marinelli/img/logo.png



Resumo de Noticias

3º Trimestre de 2017



XULLO


AINDA QUE A CONSELLARÍA DE EDUCACIÓN O NEGUE .
A Confederación de Anpas denuncia que alumnado forzado a cursar Relixión

A Confederación de Anpas Galegas denunciou esta fin de semana que hai itinerarios de Bacharelato que na práctica non deixan outra opción ao alumnado que cursar Relixión Católica. A orixe do problema son as materias específicas, das que hai que coller dúas. Cando se escollen materias por valor de 5 horas, para completar as 6 obrigatorias, só é posíbel optar por Relixión Católica, a única materia con 1 hora.

Ler máis



COLEXIO SALVADOR MORENO E IGREXA CATÓLICA
Vulneración dos principios de igualdade, mérito, capacidade e liberdade ideolóxica

O TSXG vén de dar a razón á CIG-Ensino na denuncia por vulneración dos principios de igualdade, mérito e capacidade e de liberdade ideolóxica no sistema de acceso a unha praza no colexio Salvador Moreno de Pontevedra. “É inconcibíbel que no século XXI o Ministerio de Defensa continuara da man da igrexa católica pretendendo saltar as normas que rexen para toda a cidadanía, e exixindo requisitos de idoneidade da igrexa católica para impartir aulas nun centro pagado con diñeiro público”, afirma o seu secretario nacional, Suso Bermello.

Ler máis



TASER, BOLAS DE GOMA, DEFENSAS EXTENSÍBEIS, GASES...
Demandan a supensión do uso de equipamento perigoso nas mobilizacións de Compostela

O grupo municipal do BNG de Compostela traslada unha iniciativa ao Pleno de xullo co obxectivo de transmitir ao Ministerio de Interior a vontade de que sexa suspendido, de xeito inmediato, de acordo coas recomendacións do Comité contra a Tortura da ONU, o uso de pelotas de goma, defensas extensíbeis, armas de electrochoque e gases lacrimóxenos por parte das forzas e corpos de seguranza nas mobilizacións cidadás que se produzan no concello de Santiago de Compostela.

Ler máis



APESAR DAS PROBAS, O FISCAL INSISTE EN PEDIR PENA PERPETUA
Despois de pasar 5 anos en prisión, anarquista grego absolvido de todos os cargos

Un tribunal de apelación absolveu de todos os cargos T.T., o anarquista condenado a 25 anos de prisión por roubo a man armada e asasinato. T.T. leva en prisión desde 2012 como culpábel dun roubo a man armada con vítimas na illa de Paros. Alén destes cargos, tamén lle era atribuída pertenza á Conspiración das Células de Lume, un grupo de guerrilla urbana que opera no país desde hai anos.

Ler máis



SEN RESPOSTA A QUEIXA URXENTE DE ESCULCA Á DEFENSORA
Trasladado preso de Teixeiro en situación de extremo risco para a súa vida

A.M.C.B., preso até hai pouco no cárcere de Teixeiro foi trasladado a un centro penitenciario de Madrid para comparecer nun xuízo nesta localidade. Ignoramos por agora o seu destino actual. Tamén ignoramos se a Defensora del Pueblo iniciou as dilixencias solicitadas por EsCULcA na Queixa presentada o pasado 16 de xuño en que a urxía a tomar as medidas precisas para garantir a integridade física do penado, o seu dereito aos mínimos reximentais e a recibir unha atención médica adecuada ás patoloxías que padece. Así mesmo, solicitaba se abrise unha investigación inmediata sobre a situación de A.M.C.B. no penal galego e acordar entrevista persoal por medio de comisionado da oficina da Defensoria del Pueblo.

Ler máis



PARA QUE VALE ESTA VALEDORA?
A Valedora do Pobo avala a actuación do centro que penalizou unha alumna por empregar Galiza

A Valedora do Pobo dá por concluída a investigación aberta após un expediente de queixa posto en marcha a instancias da Mesa pola Normalización Lingüística. A alumna penalizada por escreber Galiza nos exames cursa 4 de primaria no CEIP Santa Irene (Porto do Son). O presidente da MNL pergúntase se pode continuar no cargo un minuto máis quen “desde os prexuízos ideolóxicos inutiliza continuamente unha institución feita para defender a cidadanía”.

Ler máis


PLATAFORMA POLOS DEREITOS CIVIS RECOLLE ASINATURAS
Contra os recortes á liberdade de expresión en Compostela nas vésperas do 25 de xullo

O alcalde do Concello de Santiago Compostela acaba de publicar un bando para recordar a ordenanza do PP coas prohibicións existentes sobre publicidade no ámbito do Plano Especial da Cidade Histórica. As multas por colar cartaces van de 1.501 até 3.000 euros. A Plataforma polos Dereitos Civís iniciou unha recollida de sinaturas contra esta medida “que atenta contra a liberdade de expresión”.

Ler máis



TRÁFICO DE DROGAS E PÉSSIMAS CONDIÇONS SANITÁRIAS
Perguntam no Parlamento Galego sobre mortes no C.P. de Monterroso

A deputada Paula Verao e o deputado Luís Villares ( (En Marea), registarom o passado 12 de julho umha Interpelaçom ao Governo Galego e umha pergunta para a sua resposta por escrito relativas à morte de um interno no cárcere de Monterroso na madrugada do día 24 de junho, presumivelmente por causa de sobredose de droga, O interno foi achado na sua cela junto com outro preso que se encontrava em estado de coma.

Ler máis



DOMINGO 23/07 - ÀS 12:00
Concentración no Obradoiro para reclamar a liberdade de presos e presas saharauis

A Delegación Saharaui na Galiza (SOGAPS) convoca unha concentración para reclamar a liberdade das persoas presas por Marrocos por defenderen a liberdade do seu país. Será o próximo domingo 23 de xullo, ás 12 na Praza do Obradoiro. Compre lembrar que recentemente un tribunal condenou a duras penas de prisión (incluídas 8 cadeas perpetuas, 3 de 30 anos, 5 de 25 anos e 3 de 20 anos) 23 activistas do grupo Gdeim Izik.

Ler máis



APROBADA A MOCIÓN PRESENTADA POLO GRUPO DO BNG
O Pleno do Concello de Compostela demandará a suspensión de armamento policial perigoso

O pasado 21 de Xullo, o Concello de Santiago de Compostela aprobou a moción presentada polo Bloque Nacionalista Galego (BNG) que demanda ao Ministerio do Interior a suspensión do uso de material perigoso na cidade (armas de electrochoque, bolas de goma, gases lacrimóxenos, defensas extensíbeis). David Soto, membro de EsCULcA e profesor de dereito na Universidade da Coruña (UDC) fixo a defensa desta reclamación perante o pleno en nome do noso observatorio.

Ler máis



"GALIZA LAICA" - NOVO VÍDEO DE ESCULCA
Ofrendas, rogativas, prebendas… ou como incumpren a lei as autoridades galegas

A laicidade, ao asumir a incompetencia do Estado en materia de crenzas e conviccións e substraelo á influencia das comunidades confesionais, constitúe a norma de dereito público que garante o libre exercicio de calquer opción filosófica, relixiosa ou ideolóxica no ámbito privado e a igualdade entre todas as persoas no espazo público, común e neutro.

Ler máis




AGOSTO




SOBRE VULNERACIÓN DO DEREITO A DEFENSA EN TEIXEIRO
Preso en Teixeiro contradi xustificación de Institucións Penitenciarias

Con data de rexistro 19/07/2016, a Defensoría del Pueblo enviou a EsCULcA resposta á Queixa presentada sobre os impedimentos postos por funcionarios do C.P. de Teixeiro ao avogado Fernando Blanco e a avogada Yolanda Ferreiro o día 30/12/2016 para comunicaren con tres internos dese penal. Como a mesma DP sinala, a xustificación de Institucións Penitenciarias (negativa dos presos a comunicar) contrasta vivamente coa resposta dun deles, P.B.B., que afirma non ter sido informado da presenza de Ferreiro e Blanco.

Ler máis



INFORMACIÓN SOBRE A SITUACIÓN QUE SE VIVE NO CENTRO
Reunión de EsCULcA coa responsábel do centro de Menores Príncipe Felipe

A reunión tivo lugar a instancias de EsCULcA , interesada en coñecer a situación do centro Príncipe Felipe despois das preocupantes noticias aparecidas en diversos medios de comunicación referidas a un posíbel conflito de competencias entre a entidade provincial e a Xunta de Galiza que podería ter consecuencias negativas para as e os menores de idade interna/os no centro.

Ler máis



NESTE CASO COA ESCUSA DE REDUCIR O CONSUMO DE DROGA
A policía local de Rianxo súmase á política de alentar delacións anónimas

«¿Sospeitas que o teu veciño ten unha plantación disto? ¿Sabes de alguén que vende sustancias estupefacientes? Hoxe é bo día para dicírnolo, colabora con nós aportando información. Podes facelo de xeito anónimo e confidencial». Con este chamado, publicado na súa páxina do Facebook, a Policía Local de Rianxo súmase á cada vez máis estendida práctica de alentar delacións ´-anónimas e confidenciais- sobre a conduta privada doutras persoas, neste caso veciñas ou veciños que poderían cultivar macoña nas súas casas.

Ler máis



GALIZA EN SEGUNDO LUGAR NO NÚMERO DE MANIFESTACIÓNS
Pontevedra á cabeza no ranking estatal de manifestacións prohibidas en 2016

O número de manifestacións celebradas en Galiza aumentou o pasado ano, crecendo das 3.524 de 2015 ás 3.935 de 2016. Sen chegar, iso si, ao nivel acadado en 2013 (4.674). Este dato, feito público polo Ministerio do Interior no seu anuario estatístico, sitúa Galiza como a segunda comunidade con máis protestas nas rúas, só por detrás de Andalucía (con moita máis poboación), e por diante de Madrid ou a Comunidade Valenciana, tamén máis poboadas.

Ler máis



ATALLO RELIXIOSO OU BRINCADEIRA?
Deputada socialista pede á virxe que arranxe problemas políticos

Na súa ofrenda institucional, que contou coa presenza de militares e outras autoridades políticas, Digna Rivas, deputada socialista, pediu á chamada Virxe Peregrina no seu santuario de Pontevedra, no pasado 12 de agosto, que actuase en favor das mulleres vítimas de violencia machista, das persoas migrantes, da igualdade, do bo tino de políticas e politicos e até do fin da corrupcion (“que deixe de estar ligada á clase política”). E parecia falar en serio.

Ler máis



SETEMBRO


NA INAUGURACIÓN DO CURSO PASADO EN MONDOÑEDO
O Estado aplica a Lei Mordaza a sindicalistas por manifestarse contra a LOMCE

O 4 de outubro de 2016 varias ducias de delegadas e delegados da CIG-Ensino manifestáronse diante do IES San Rosendo de Mondoñedo, coincidindo coa presenza de Letizi Ortiz, o Ministro de Educación e diversos cargos da Consellaría de Educación na inauguración do curso. A concentración era unha resposta do sindicato contra os incesantes recortes educativos e para esixir a paralización da LOMCE e as reválidas.Por isto a delegación do Goberno en Galiza vén de impor unha sanción amparada na Lei Mordaza.

Ler máis



POR VESTIREN "MALLA, CAMISETA E GORRO DE BAÑO"
Interpoñen queixa no Concello de Vilalba por negárselles entrada ao parque acuático

Dúas mozas musulmás, de 18 e 19 anos e residentes en Lugo, interpuxeron unha queixa no Concello de Vilalba, a través da asociación Bonhomía, ao lles ser negado o acceso ao parque acuático da Magdalena con “mallas, camiseta e gorro de natación”. “Os meus irmáns foran varias veces e a miña amiga e eu era a primeira vez que iamos. Non se se foi mala intención ou non, mais non puidemos entrar”, explica en conversa telefónica unha das mozas, que prefire non facer público o nome.

Ler máis


FICHEIRO STOP RADICALISMOS
Preguntan no Congreso sobre protección de datos recollidos en denuncias anónimas

O pasado 4 de agosto, o deputado Miguel Anxo Fernández Bello (Grupo Parlamentar de Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea) formulou pregunta ao goberno, para a que demanda resposta por escrito, relativa ás garantías e protección dos dereitos das persoas en relación ao web do Ministerio do Interior Stop Radicalismos. Lembra o deputado que desde 2015 EsCULcA formulou diferentes peticións de información que tropezaron sempre coa opacidade das institucións públicas.

Ler máis




19/09 - 20:00 - OBELISCO DA CORUÑA
Convocan concentración Polos dereitos civis e o dereito a decidir

O colectivo Polos Dereitos Civis e o Dereito a Decidir convida toda a cidadanía crítica, en réxime de autoconvocatoria, a sumarse a unha concentración mañá, terza feira, 19 de setembro, ás 20.00h no Obelisco da Coruña. “Cremos que é necesario saír á rúa, todos e todas as que sentimos ameazadas a nosa liberdade, individual ou como pobo, mais alá de bandeiras e fronteiras. Está en xogo é a defensa dos nosos dereitos como cidadanía”, explican.

Ler máis



19/09 - AULA 1 DE FILOSOFIA - 18:00 HORAS
“A loita pola liberación dos pobos” – Acto na Facultade de Filosofia da USC

A organización xuvenil Galiza Nova convoca esta terza feira un acto en apoio do referendo de autodeterminación de Catalunya, perseguido estes días por todos polo Estado español. Sob a lenda A loita pola liberación dos pobos, o colectivo organiza unha mesa redonda en que tomarán parte Pernando Barrena, responsábel internacional de Sortu; Navia Rivas, responsábel internacional de Galiza Nova e integrante do Consello Nacional do BNG; Pau Morales, voceiro das JERC (as mocidades de ERC); e Gonzalo Bonnin, membro da sectorial internacional das JERC.

Ler máis



PARA QUE A POLICÍA REXISTRASE O SEU VEHÍCULO
Denunciado activista sindical e de dereitos civis por pousar unha ola no chan

Por atirar unha ola de cociñar no chan. Este foi o motivo que levou a Policía Nacional a denunciar R.N., da Executiva Confederal da CIG e activista dos dereitos e liberdades civís, ao Concello de Santiago de Compostela. O sindicalista terá que facer fronte a unha sanción económica de 200 euros. Segundo a notificación da denuncia, a multa débese a que o sindicalista “arroxou á vía unha ola de cociñar de dimensións considerábeis”. R.N. sinala que se trata da pota que tivo que sacar da bagaxeira para os axentes rexistraren o vehículo.

Ler máis



VIGO, COMPOSTELA E CORUÑA
Palestras, debates e encontros sobre o dereito á autodeterminación

O referendo catalá protagonizará esta semana diferentes actos na Galiza. Coloquios, debates, palestras en que se abordará o proceso de autodeterminación que se vive en Catalunya. Tamén terá o seu lugar a reflexión sobre a situación doutros dereitos, erosionados por políticas cada día máis autoritarias.

Ler máis


XULGADO POR HOMICIDIO POR IMPRUDENCIA PROFESIONAL GRAVE
Insisten en que a a morte causada por disparo de Garda Civil en 2015 foi evitábel

A viúva de Javier Fernández, exbatería do grupo musical “Os Piratas”, morto en agosto de 2015 polo disparo dun dos axentes da Garda Civil que acudiron ao lugar dos feitos por unha chamada ao 112, fixo público un comunicado en que insiste en que o seu marido “non era un maltratador nin nada que se lle pareza”, e reitera que a súa morte foi “evitábel” e “innecesaria”. O autor do disparo, que está sendo xulgado estes días, alega falta de puntería e preparacíón para xustificar a súa acción.

Ler máis


MANIFESTACIÓN EN APOIO A ESCÁRNIO E MALDIZER
Abertura de expediente sancionador a 115 persoas

A Delegación do Goberno en Galiza comezou a comunicar sancións impostas a persoas que supostamente participaron na manifestación en apoio ao colectivo Escárnio e Maldizer o pasado mes de xullo en Compostela. Segundo o organismo foron abertos 119 expedientes a 115 persoas. Destes, 109 corresponden a infraccións graves por desobediencia tipificadas no art. 36.06 da chamada Lei Mordaza. As 10 restantes corresponden a un delito leve por exhibición de obxectos perigosos con ánimo intimidatorio (art. 37.2 desta mesma lei).

Ler máis


SOBRE A SITUACIÓN DO CENTRO DE MENORES PRÍNCIPE FELIPE
Reunión de EsCULcA coa Directora Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica

A reunión tivo lugar a instancias de EsCULcA , interesada en coñecer a situación do centro Príncipe Felipe despois das preocupantes noticias aparecidas en diversos medios de comunicación referidas a un posíbel conflito de competencias entre a Deputación de Pontevedra (entidade responsábel do centro) e a Dirección Xeral, dirixida por Amparo González Méndez, que tutela as e os menores que ingresan na súa Unidade de Primeiro Acollemento (UPA).

Ler máis


EN DEFENSA DO REFERENDO CATALÁN DO 1-O
Policía identifica e retén 4 persoas en Ferrol por anunciar a manifestación do 30-S

Catro persoas foron identificadas e retidas no bairro da Magdalena de Ferrol por axentes da policía española por facer propaganda da manifestación que este sábado, 30 de setembro, terá lugar en Compostela na defensa do referendo do 1-O. Segundo informa a Fundaçom Artábria –da que fan parte como socias estas catro persoas-, o “amplo dispositivo da policía española” chegou a ameazar nun primeiro momento con confiscar o material que anunciaba a mobilización. “Finalmente desistiron depois de 20 minutos de retención ilegal cando non atoparon a palabra ‘referendo’ no cartaz”, afirman.

Ler máis


CONVOCA REDE GALEGA DE APOIO ÁS PERSOAS REFUXIADAS
“Remata o prazo” – Mobilizacións en toda Galiza entre o 19 e o 30 – Setembro 2017

A Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas convoca mobilizacións en toda Galiza con motivo do fin de prazo que tiña o Estado Español, no cadro do acordo da Unión Europea, para acoller 17.337 persoas refuxiadas. En dous anos só acolleu a 1.983 das máis de 5.500.000 persoas vítimas da guerra que tiveron que saír do seu país e piden refuxio. Haberá mobilizacións en diferentes cidades galegas. En Compostela haberá unha diaria entre o 19 e o 26/09/2017.

Ler máis



ARQUIVARA DENUNCIA POR VULNERACIÓN DO DEREITO Á DEFENSA
EsCULcA formula recurso de apelación contra resolución de xulgado de Betanzos

Con data 9 de agosto, o xulgado de instrución núm. tres de Betanzos ditou resolución en que desestima o recurso de reforma e confirma o arquivo da denuncia interposta por Fernando Blanco e Yolanda Ferreiro contra o funcionario do cárcere de Teixeiro identificado como mando de incidencias por un posíbel delito contra o dereito á defensa. Na tarde do día 30/12 este funcionario impediu a comunicación de 3 internos do centro coa avogada Yolanda Ferreiro e o avogado Fernando Blanco.

Ler máis



O CONCELLO COMPRA PORRAS EXTENSÍVEIS E SEMI-RÍXIDAS
Reclaman ao alcalde de Compostela cumprir acordo plenario sobre armamento policial

O grupo municipal do BNG esixe ao alcalde de Compostela que cumpra o acordo plenario do 20 de xullo de 2017 sobre a eliminación de porras extensíbeis, entre outras armas, por parte das forzas e corpos de seguridade nas mobilizacións cidadás que se produzan na cidade. Apesar deste acordo plenario, na última Xunta de Goberno aprobouse a compra de material deste tipo para a Policía local.

Ler máis










http://www.esculca.gal/web/sites/all/themes/marinelli/img/logo.png