http://www.esculca.gal/web/sites/all/themes/marinelli/img/logo.png



Resumo de Noticias

4º Trimestre de 2017



OUTUBRO


VULNERACIÓN DEREITOS E LIBERDADES PÚBLICAS .
EsCULcA observa o desenvolvemento da votación no referendo catalán

Lucía Barros e Bletxu Valeiras, membros da directiva de EsCULcA, están en Barcelona para colaborar cos colectivos que observan o desenvolvemento da xornada nos colexios electorais e detectar posíbeis vulneracións de dereitos fundamentais. Nos dous colexios visitados até ás 11:00 horas, producíronse agresións policiais e dúas persoas tiveron de ser trasladadas en ambulancia: un mozo que fotografaba a carga e un home de idade avanzada.

Ler máis



"CRIMINALIZACIÓN DO PENSAMENTO"
Goberno local censura mostra do Colectivo Republicano de Redondela por queixas da Policía

A exposición “Criminalización do pensamento”, organizada polo Colectivo Republicano de Redondela, tivo unha pasaxe fugaz polo Multiusos da localidade. O material gráfico que conformaba a mostra, xunto cunha bandeira da II República española, foron retiradas a pasada sexta-feira polo goberno local despois das queixas recibidas do Corpo Nacional de Policía Nacional, que considera que as imaxes “fomentaban o odio” a este corpo.

Ler máis



GRAVE VULNERACIÓN DO DEREITO Á INFORMACIÓN
Profesionais denuncian manipulación informativa na Galiza e Catalunya

Segundo informa o Comité, a xornalista Ana Belén C.V. elaborou o pasado 6 de setembro unha nova para o informativo vespertino “A Crónica” sobre a desarticulación dunha célula terrorista en Marrocos e Sevilla. “Cando a traballadora locutaba a noticia en directo no estudio, xusto antes da lectura dun parágrafo no que informaba da que o presunto líder da célula xihadista “fora afiliado do PP de Melilla”, unha responsábel do programa ordenoulle non ler esa referencia, orde que a xornalista, que viu interrompido o seu traballo de xeito brusco e sorpresivo, acatou”.

Ler máis



CRÓNICA DE LUCÍA E BLETXU
“Por favor, contade o que pasa aquí”. Esculcando no referendo catalán.

O pasado domingo (1-O) unha pequena delegación de EsCULcA viaxou a Catalunya para observar o desenvolvemento da votación do referendo en varios colexios electorais do barrio barcelonés de Sarriá-Saint Gervasi. Eis o relato do que viron.

Ler máis



NOVA CENSURA DE BANDEIRAS EM ESTÁDIOS GALEGOS
Árbitro interrompe o jogo no estádio do Couto e ordena retirar estelada

O passado 8 de outubro, no Estádio do Couto (Ourense), o colegiado Alberto Martínez Míguez suspendeu o jogo entre a UD Ourense e o Macrón durante três minutos para obrigar um seguidor a retirar a estelada que pendurara nas grades da bancada de tribuna. Despois de mediarem o delegado de campo e os jogadores e permitirem ao seguidor exibir a bandeira desde o seu lugar, este retirou-na e o jogo foi retomado.

Ler máis



CONCENTRACIÓN DENUNCIA CRIMINALIZACIÓN DE PIQUETES
A Fiscalía pede penas de prisión para 4 persoas por un piquete na greve xeral de 2010 en Lugo

Cinco persoas foron xulgadas a pasada segunda feira (09/10/2017) en Lugo en relación á greve xeral de setembro de 2010, hai sete anos. A Fiscalía solicitou para catro delas penas de cárcere por un “delito de atentado” e imputa a unha quinta “un delito de faltas”. Para a CIG estamos perante peticións “desproporcionadas” e lembra que o xuízo está a decorrer sete anos despois dos supostos feitos.

Ler máis


CON PABLO IGLESIAS - OBSERVADOR DE ESCULCA
“Que pasou o 01-Out”? Palestra na Asociación Cultural A Galleira de Ourense

Sob o título “Que pasou en Catalunya o 1-Out?”, terá lugar o próximo 12 de outubro (Día da Resistencia Indíxena), ás 20:00, unha palestra na asociación cultural A Galleira de Ourense (Praza San Cosme – Hernán Cortés (Antiga Pena Vixía), 67) en que participará Pablo Iglesias, secretario de EsCULcA e observador do desenvolvemento da xornada do referendo catalán en varios colexios electorais.

Ler máis



"ANTE AS DISTINTAS INFORMACIÓNS E COMUNICACIÓNS"
A Garda Civil confirma que iniciou de oficio investigación a profesor de historia

O Delegado do Goberno español na Galiza, Sr. Villanueva, responde ao escrito de 10 de outubro en que EsCULcA lle requería información sobre unha noticia publicada en La Voz de Galicia. Segundo este xornal, axentes da Garda Civil terían levado a cabo xestións para determinar se un profesor de historia do IES Pino Manso do Porriño fixera “comentarios de odio” no decurso dun debate sobre a situación en Catalunya.

Ler máis



DEREITO Á INFORMACIÓN. ESQUECIDO E VULNERADO
Comité de Empresa da CRTVG denuncian cobertura “tardía, insuficiente e patética”

O lume xa entraba no casco urbano de Vigo. 2 persoas morreran en Nigrán. Desde a mañá do domingo os incendios inzaban Galiza. Mais a programación da televisión pública galega permaneceu inmutábel até perto das once da noite. “Houbo unha resposta tardía, insuficiente e patética, e só cando as críticas anegaban as redes sociais”, sinalan fontes do comité interempresas da CRTVG, que esixen a demisión do director xeral do ente Alfonso Sánchez Izquierdo.

Ler máis



POR COLAREM FAIXA EM PAREDE CHEIA DE CARTAZES
Activistas do Centro Social Gomes Gaioso retidos por agentes da Polícia Local da Corunha

O Centro Social Gomes Gaioso da Corunha denuncia que dous dos seus membros (I.B. e M.S.) forom retidos por agentes da Polícia Local por colarem umha faixa de papel em apoio à independência de Catalunya numha Rua da Torre utilizada por colectivos e entidades públicas e privadas precisamente para este tipo de propaganda. Os agentes teriam avisado os dous activistas de prováveis sançons económicas, o que seria umha medida abertamente discriminatoria contra o Centro Social.

Ler máis



CHIBO EXPIATORIO? CORTIÑA DE FUME?
Prisión sen fianza por queimar accidentalmente 1 hectárea de terreo da súa propriedade

Os incendios que hai uns días arrasaron Galiza, queimando máis de 35 mil hectáreas de terreo, e dos que o Goberno galego responsabilizou o que denominou “terrorismo incendiario”, saldáronse cunha soa detención: un home de 55 anos -Miguel- que o domingo pasado levou a cabo de forma imprudente unha queima na súa leira no concello dos Blancos e que provocou un incendio dunha hectárea de extensión. O pasado xoves o xulgado de Xinzo de Limia ditou prisión incondicional sen fianza para o detido, que responderá por delitos relacionados cos artigos 352 e 353 do Código Penal. O primeiro establece que quen incendien montes ou masas forestais “serán castigados con penas de prisión de un a cinco anos” e o segundo refírese a posible risco para vivendas.

Ler máis



POR UNHA EDUCACIÓN PÚBLICA DE CALIDADE
Peden 6 anos de prision para 2 estudantes que participaron en manifestación en 2014

O próximo dia 26 de outubro, ás 09:00, terá lugar nos Xulgados de Vigo (Rúa Lalín, 1) a segunda parte do xuízo que se segue contra N. e O. , para quen a fiscalía pede 6 anos de prisión por supostos destrozos no decurso da manifestación estudantil de 2014 en favor da educación pública. Segundo denuncia a plataforma de apoio a N. e O. na primeira parte, celebrada en xullo deste ano, a Fiscalía non presentou probas inculpatorias.

Ler máis



TRÊS MESES DE CÁRCERE
Revogada condena a estudantes que participarom em escracho a professor homófobo

“Acabam de comunicar-nos a resoluçom do recurso que tínhamos interposto contra a condena de três meses de prisom polo escrache ao homofobo Domingo Neira. Antia e Mario fomos absoltas !! Queremos agradecer a solidariedade de todas as que vos preocupastes por nós, nos próximos dias daremos mais informaçom. Seguimos na luita !”. Con esta concisa mensaxe nas redes sociais, os dous estudantes condenados a 3 meses de prisión cada un pola protesta contra ese docente.

Ler máis



“HAI A INTENCIÓN DE METER MEDO”
O acoso e persecución policial dun sindicalista chega ao Parlamento galego

A comezos de agosto o sindicato CIG denunciaba publicamente o acoso por parte de axentes da policía española a un membro da súa Executiva Confederal, Renato Núñez. Agora, o BNG vén de anunciar que leva ao parlamento de Galiza este caso, para alén de reclama abrir unha investigación sobre os feitos que cualifica de “auténtica persecución” contra o sindicalista.

Ler máis




"INVESTIGAR, PROCESAR E XULGAR DELITOS DE INCITACIÓN AO ODIO"
A UE lembra á Xunta e Goberno que ten que actuar contra a apoloxía do franquismo

A Comisión Europea lembra á Xunta de Galicia e ao Estado español a necesidade de actuar cando se dan casos de apoloxía pública dos crimes de guerra, en relación á ditadura franquista. Así, respondeu á denuncia realizada a finais do verán pola eurodeputada galega Lídia Senra en relación ás declaracións públicas efectuadas pola Fundación Francisco Franco en que aseguraba que ser a responsable de xestionar as visitas guiadas ao Pazo de Meirás era para ela “unha honra e unha excelente oportunidade para mostrar ao gran público a grandeza da figura” do ditador.

Ler máis




E MEDIDAS PARA AS UBICAR EM CÁRCERES GALEGOS
Pergunta ao Governo espanhol sobre número de persoas presas desterradas da Galiza

No passado 27 de outubro, o deputado no Congresso Miguel Anxo Fernández Bello (Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea), registou pergunta ao governo sobre número de persoas presas, com arreigamento ou vizinhança na Galiza, que cumprem condena em cárceres ubicados noutros lugares do Reino de Espanha e sobre as medidas tomadas para facilitar a todas as persoas que o solicitarem o cumprimento da pena em prisons situadas no país.

Ler máis




NOVEMBRO




EN LIBERDADE OS AUTORES DAS 35.000 HECTÁREAS RESTANTES
Continúa en prisión veciño de Os Blancos que queimou por imprudencia 1 hectarea de monte

Esta cuarta feira, 1 de novembro, Miguel A.M.N. cumpriu dúas semanas en prisión após a súa detención en Vigo ás 8,30 horas do 18 de outubro por un incendio dunha hectárea producido tres día antes, en plena vaga de lumes, por unha imprudencia nunha leira familiar nos Blancos (Ourense).

Ler máis



RISCO DUN “MACROSUMARIO” CONTRA O INDEPENDENTISMO
AN mantén nun proceso único as causas contra militantes de Causa Galiza e Ceivar

A Audiencia Nacional desbotou os recursos para que se segregasen as causas da Operación Jaro I (9 persoas imputadas de Causa Galiza) e Operación Jaro II (3 imputadas de Ceivar) e que se tratasen penalmente por separado. A petición dos avogados das persoas encausadas non prosperou, optando a AN por manter fusionadas ambas nun único proceso. Unha decisión que non deixa de xerar inquedanza entre os afectados cando se veñen de facer dous anos da Operación Jaro I.

Ler máis



O TSXG DECLARA ILEGAIS E ANULA OS CESAMENTOS
Así purga Nuñez Feijóo os médicos que defenden a sanidade pública

«O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia declarou nulos os procedementos que permitiron substituír por facultativos afíns ao PP a media ducia de xefes de servizo de varios hospitais mediante cesamentos ilegais e oposicións amañadas.

Ler máis



MULLERES SOMETIDAS A CONTROIS ESPECIAIS POR VESTIREN HIYAB
SOS Racismo denuncia condutas islamófobas nos aeroportos da Coruña e Bilbo

O pasado 5 de outubro unha parte do equipo de SOS Racismo Galicia, concretamente oito mulleres, comezaron a súa viaxe cara o Congreso sobre Islamofobia de Xénero, organizado pola Federación de SOS Racismo do Estado Español e celebrado na cidade de Bilbao.

Ler máis



ACUSADO DE ESCONDER PERTENZAS DE MILITANTE PRESA
Procurador rebaixa de sete anos a seis meses a pena para o mozo galego

“Non existe colaboración dirixida a auxiliar á organización terrorista”, dixo ante o tribunal o representante do Ministerio Publico. O acusado, pola súa banda, explicou durante o interrogatorio que axudou M.O. “en todo o que puido” por tratarse dunha amiga especial mais negou ter calquera tipo de vinculación con ningunha organización terrorista.

Ler máis



A MESA SOLICITA IMPLICACIÓN DO GOBERNO MUNICIPAL
Denuncian que servizo municipal da Coruña négase a recoller queixa en galego

Este servizo público, aínda que se preste en forma de concesión, está suxeito á Lei 5/1997 da administración local. No seu artigo 7.1 afírmase que “o galego, como lingua propia de Galicia, é o tamén da súa Administración local. […] todo os actos de carácter público ou administrativo que se realicen por escrito en nome das corporacións locais redactaranse en lingua galega”.

Ler máis



NOMEADAMENTE NO C.P. DA LAMA (PONTEVEDRA)
Preguntan sobre obstáculos a visitas a persoas presas de colectivos solidarios de axuda

A deputada afirma que a dirección actual do cárcere interpreta de forma restritiva e mesmo despectiva para o voluntariado e as persoas presas o dereito recoñecido no artigo 51 da Lei Orgánica Xeral Penitenciaria, e impede a entrega de contributos pecuniarios menores a persoas internas que carecen de recursos.

Ler máis


SOBRE IMPEDIMENTOS PARA COMUNICAR CON PRESOS DE TEIXEIRO
Sorprendente resposta do goberno a pregunta de deputada galega

O 30 de decembro do 2016, a avogada Yolanda Ferreiro e o avogado Fernando Blanco (de EsCULcA), foron impedidos de comunicar con tres presos do cárcere de Teixeiro. Segundo o “mando de incidencias” os internos terían renunciado á entrevista, unha afirmación que se demostrou non corrresponder a verdade e agora esgrime o propio governo en resposta á pregunta formulada pola deputada Rocío de Frutos Madrazo (Grupo Socialista) o pasado 20 de abril.

Ler máis




FORO GALEGO DA INMIGRACIÓN
Denuncian desprotección da Xunta a menores migrantes residentes e as súas familias

En concreto a denuncia recolle a imposibilidade de acceso de menores migrantes, e portanto as súas familias, que via de regra se encontran en situación de pobreza e exclusión social, por atrancos administrativos facilmente subsanábeis, ás seguintes axudas e prestacións:

Ler máis



DENUNCIA REDE GALEGA DE DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA
300 vulneracións do acceso á atención sanitaria en Galiza nos últimos dous anos

A Rede Galega de Defensa da Saúde Pública, conformada polo Foro Galego de Inmigración, Médicos do Mundo, Amnistía Internacional, Plataforma SOS Sanidade Pública e a Asociación Galega de Medicina Familiar, presentou o relatorio Cinco anos de discriminación sanitaria en Galicia. Na conferencia de prensa, celebrada no Concello de Santiago, interviron Miguel Fernández (FGI), Enriqueta Lois (AI), Jesús Sueiro (Agamfec), Manuel Martín (SOS Sanidade) e Inés Fernández de Córdoba (MdM). O relatorio, realizado por Médicos do Mundo Galicia coa colaboración do Concello de Santiago, recompila as 294 vulneracións das que foi testemuña MdM durante os anos 2016 e 2017. Esta cifra é superior á rexistrada en comunidades como Cataluña, con moita máis poboación inmigrante e case iguala á de Madrid. Así, fronte ás 294 vulneracións rexistradas en Galiza para 89.500 persoas migrantes, Cataluña tivo 132 e Madrid 301 para unha poboación de 1.105.000 e 818.000 inmigrantes.

Ler máis



AO ABRIGO DA LEI MORDAZA
Galiza: xa son máis de 2000 as denuncias por “falta de respecto” á policía

Malia aos movementos parlamentarios que apostaron pola súa derrogación o certo é que a norma segue en marcha e con ela, un dos seus artigos máis controvertidos, o que sanciona as “faltas de respecto” á Policía á marxe dos procedementos penais. Nos primeiros dous anos da lei só en Galicia foron ditadas máis de 2.000 denuncias por este motivo

Ler máis



"FALTA DE PUNTERÍA E PREPARACIÓN", ALEGOU O AXENTE
A familia de J.F., morto por disparo de Garda Civil, recorrerá sentenza absolutoria

O propio axente agora absolvido declarou no seu día que a súa intención era disparar o tiro a unha perna, mais “a falta de puntaría e preparación fixo que acabase no tórax do músico, perforándolle a vea cava e causándolle a morte”.

Ler máis


"FOMENTAR, INCITAR, AXUDAR A COMPORTAMENTOS VIOLENTOS"
Curioso argumento para confiscar bandeiras das nacións celtas, con estrela, tríscele…

“A Policía Nacional responsabiliza os clubs de fútbol da retirada de estreleiras” e este corpo “define a estreleira como simboloxía sectaria”. Estas son as dúas conclusións que o Movemento polos Dereitos Civís (DDCC) extrae da resposta que recibiu do Defensor del Pueblo á súa queixa sobre a retirada das bandeiras galegas con estrela vermella –e outra simboloxía galega- no estadio do Leganés antes do encontro entre a equipa madrileña e o Celta de Vigo.

Ler máis


POR NON IDENTIFICACIÓN VISÍBEL DE AXENTES POLICIAIS
Defensor del Pueblo insta á Xefatura Superior de Policía de Galiza a responder as denuncias

Esta recomendación debería implicar que a partir de agora a Xefatura de Policía de Galiza esclareza, entre outras cuestións, por que entende que os seus funcionarios e funcionarias non incorren en infracción cando non levan á vista o seu número de identificación persoal. Isto afecta a ducias de denuncias que Dereitos Civís presentou, pois a ausencia de identificación visíbel nas actuacións dos axentes é práctica habitual en Galiza.

Ler máis


INSTA A TOMAR MEDIDAS INMEDIATAS
Comité europeo de prevención da tortura ve “inaceitábel” a situación do cárcere de Teixeiro

A delegación do CPT recibiu un número significativo de denuncias de recentes maus tratos físicos pretensamente cometidos por funcionarios en módulos de réxime fechado e departamentos especiais dos centros penitenciarios visitados. Na maioría dos casos, a violencia empregaríase a modo de castigo informal. No relatorio do CPT atopamos unha denuncia de 9 de agosto de 2016 pertencente a un recluso do centro penitenciario de Teixeiro. O preso alega que, após unha discusión no transcurso dunha inspección da súa cela, foi rociado cun spray de pementa desde o exterior polo grupo de funcionarios encarregados da tarefa. A continuación, denuncia que foi trasladado a unha cela baleira, onde -segundo a súa versión- lle terían propinado pancadas e golpes coas porras por todo o corpo. Despois da malleira, os traballadores terían mantido o preso espido durante 36 horas, fixado boca abaixo mediante suxeición mecánica e sen poder comer nin acceder ao baño durante todo ese tempo.

Ler máis


"A DETENCIÓN DE MIGUEL FOI POLÍTICA"
Liberdade baixo fianza para o veciño dos Blancos que queimou por imprudencia 1 hectárea

Este martes saiu do cárcere, despois de pagar unha fianza de 2.500 euros, mais aínda terá que enfrontarse á acusación de ser responsable de delitos relacionados cos artigos 352 e 353 do Código Penal. O primeiro establece que quen incendie montes ou masas forestais “será castigado con penas de prisión de un a cinco anos” e o segundo refírese a posible risco para vivendas.

Ler máis



DEZEMBRO


COMPOSTELA - PRAZA DO OBRADOIRO - DIA 15 - 17:00 HORAS
Concentración contra o recoñecemento de Xerusalén como capital de Israel

No próximo día 15/12 (sexta-feira) terá lugar unha concentración na Praza do Obradoiro de Compostela, às 17:00 horas, en protesta pola arbitraria decisión do goberno Trump (EUA) de recoñecer como capital do estado de Israel a cidade de Xerusalén. A cidade, capital da Palestina, foi ocupada ilegalmente en 1967 pola forza das armas e a súa poboación sometida a acoso cruel de goberno, exército, colonos e todo tipo de sionistas que colonizan o territorio do pobo palestino.

Ler máis



V XORNADA SOBRE O MALTRATO Á INFANCIA E Á ADOLESCENCIA
“O sistema de protección de menores de Galiza a análise”

O primeiro relatorio correrá a cargo de Fernando Blanco Arce, avogado especialista en dereitos da infancia e membro do Observatorio para a Defensa dos Direitos e das Liberdades Esculca, que falará sobre a lexislación que establece os procementos e as características dos centros de menores. Expoñerá asimesmo a súa experiencia profesional como avogado da quenda de menores e como compoñente de Esculca.

Ler máis



"RESPOSTA Á RESPOSTA" DO GOBERNO ESPAÑOL
Concepción Arenal cuestiona impedimentos a visitar persoas internas no cárcere da Lama

A Dirección do cárcere de A Lama restrinxe dende inicios de 2017 as visitas de integrantes da asociación Concepción Arenal a persoas presas nese centro penitenciario. O pasado 30 de novembro o Goberno do Estado deu resposta a unha pregunta no Congreso dos Deputados sobre esta cuestión. Para contextualizar o significado deste asunto é preciso aclarar que a inmensa maioría desas visitas eran a xente con pouca ou ningunha rede familiar ou social. En máis dunha ocasión foi a única visita recibida por algunha persoa en anos. Extractamos agora dous fragmentos dese escrito para a continuación darlle á súa vez outra resposta (esta non será escoitada polo Goberno, evidentemente).

Ler máis



SÁBADO 16 ÀS 14:00 NO RESTAURANTE CELME GALEGO
Homenagem em Vigo ao nosso companheiro Nemésio Barxa

A associação cultural O Castro de Vigo organiza un ato de homenagem ao nosso companheiro Nemésio Barxa, advogado, membro fundador de EsCULcA e histórico ativista em favor dos direitos civis e as liberdades individuais e coletivas. O restaurante Celme Galego, ubicado na paróquia viguesa de Valadares, acolherá o Jantar da Cultura onde se fará público o reconhecimento da sua trajetória. Será este sábado 16 ás 14 horas. Os nossos parabéns!

Ler máis



O PATRÓN EXPÚÑASE A UNHA MULTA DE 120.000€
100€ de multa a pesqueiro da Coruña por levar izada bandeira galega do tamaño da española

Os feitos aconteceron en Santoña, Cantabria, en cuxo porto o ‘Cabo de Hornos II’ estaba amarrado a comezos de 2016. Unha patrulla da Garda Civil que pasaba polo peirao iniciou a denuncia, alegando que o barco podía incumprir até catro puntos da regulación das bandeiras nun barco. O patrón do ‘Cabo de Hornos II’ expúñase portanto a unha sanción de até 120.000 euros. Mesmo así, mantén izada no barco a bandeira branquiazul e afirma que hai máis barcos multados.

Ler máis



DO MEDO NO CÁRCERE Á DEPRESIÓN NUN PSIQUIÁTRICO
Así é a desventura do único encarcerado pola vaga de lumes

Miguel Martínez fala por primeira vez para un xornal (Galicia Confidencial) despois de saír de prisión sob fianza. “Indignado” e con “raiba”, pide o ‘off the record’ en varias ocasións durante a charla para garantir a confidencialidade de determinadas confesións. Explica a Galicia Confidencial os feitos que o levaron a pasar cinco semanas no cárcere e a agravar a súa depresión, polo que acabou ingresado nun psiquiátrico.

Ler máis



EN APLICACIÓN DE NORMA DO ANTERIOR GOBERNO MUNICIPAL
O Concello de Compostela propón sancións a activistas xuvenís por colaren cartaces

A Xunta de Goberno do Concello de Compostela, presidida por Martiño Noriega, acordou propor para sanción persoas de organizacións xuvenís nacionalistas e independentistas por poren cartaces nos mesmos lugares onde loce publicidade da Concellaría de Educación, dos Orzamentos Participativos, dos encontros do alcalde coa veciñanza, da Cidade da Cultura e do Pazo de Congresos, entre outros. Faino en aplicación dunha norma do antigo goberno municipal (PP).

Ler máis



AINDA DEBERÁ CUMPRIR UN ANO DE LIBERDADE VIXIADA
O mozo condenado por agredir Rajoy, en liberdade a vindeira semana

O mozo pontevedrés condenado por agredir levemente Mariano Rajoy durante un paseo electoral por Pontevedra será posto en liberdade na próxima sexta feira, 15 de decembro. Andrés V. F., alcumado Capi, recobrará a liberdade ao facer dous anos deste que aconteceron os feitos e o mozo foi internado. Agora deberá pasar ainda un ano en liberdade vixiada.

Ler máis



OBRIGADA A OMITIR INFORMACIÓN DESFAVORÁBEL AO PP
Admitida a trámite demanda contra a CRTVG por vulneración de dereitos fundamentais

O Xulgado do Social de Compostela admitiu a trámite unha demanda de tutela de dereitos fundamentais e indemnización de danos e prexuízos presentada por unha traballadora da CRTVG contra a entidade. A traballadora acusa o director xeral da Corporación, Sánchez Izquierdo, de ter revelado datos seus protexidos, ter menoscabado a súa honra profesional e ter realizado acusacións na comparecencia perante a Comisión parlamentar de control da CRTVG.

Ler máis



MAIS DE 100 PERSOAS MULTADAS POR MANIFESTACIÓN SOLIDARIA
“O único que conseguiu o EE con estas medidas punitivas é aumentar a rede de solidariedade”

O 10 de xuño levouse a cabo unha mobilización en solidariedade co centro social compostelán Escarnio e Maldizer, desaloxado e fechado apenas unha semana antes “nunha clara mostra de atentado contra o patrimonio”, segundo declaracións do colectivo afectado. Agora hai xa máis de cen persoas multadas, con sancións de até 800 euros, pola ocupación do colexio Peleteiro, en Compostela, no transcurso dunha mobilización solidaria.

Ler máis



TAMÉN DENUNCIAN ACOSO POLICIAL E TRATO DISCRIMINATORIO
Multas de 601 euros a traballadores de piquetes da folga de metal de xuño e xullo

Traballadores do sector da industria metalúrxica que participaron na folga convocada polas centrais CC.OO., CIG e UGT nos meses de xuño e xullo deste ano foron sancionados con multas que chegan aos 601 euros por, alegadamente, atiraren petardos diante das instalacións de diferentes empresas do Polígono do Tambre (Compostela) e aos pés doutros traballadores, prática esta habitual e inofensiva na actuación dos piquetes de folguistas.

Ler máis










http://www.esculca.gal/web/sites/all/themes/marinelli/img/logo.png