http://www.esculca.gal/web/sites/all/themes/marinelli/img/logo.png



Resumo de Noticias

2º Trimestre de 2018



ABRIL


INCLUÍDO NO RELATORIO DO CPT DO CONSELLO DE EUROPA .
Fiscalía da Coruña arquiva caso de suposta tortura a preso de Teixeiro

No pasado 26 de marzo, Javier Rey Ozores, Fiscal Xefe da Coruña, comunicou a EsCULcA o arquivo da denuncia presentada polo observatorio en relación aos violentos malos tratos que terían inflixido funcionarios da cadea de Teixeiro ao penado H.A. O relato dos feitos, calificado como provisto de credibilidade polo Comité de Prevención da Tortura (CPT) do Consello de Europa, foi incluído no relatorio posterior á súa visita ao penal en 2016.

Ler máis



“A ORDEM NOM FOI INDIVIDUALIZADA EM MODO NENHUM”
Juiz anula multa a participante na manifaçom em protesto polo despejo do CSO Escárnio

800 € reclamava a Subdelegaçom do Governo espanhol na Corunha como sançom a umha das persoas que participarom, no 10 de junho de 2017, na manifestaçom contra o despejo do Centro Social Escárnio e Maldizer, baseando-se só na informaçom dos corpos policiais que malharam com dureza nas que ficarom sentadas na rua protestando diante do “Peleteiro” enquanto outras levavam a cabo a ocupaçom simbólica e frustrada do prédio.

Ler máis



LESIVO PARA A SÚA SAÚDE E ARRAIGO FAMILIAR
Queixa de EsCULcA ao Defensor del Pueblo por translado de preso a cárcere en León

ernando Blanco Arce, en nome e representación de EsCULcA, presentou no pasado 2 de abril Queixa ao Defensor del Pueblo polo imprevisto translado de A.M.C.B., interno en Teixeiro, ao cárcere de Mansilla de las Mulas (León) despois de ter sido atendido de urxencia nos hospitais de Compostela e Coruña. Un translado de penal que afasta A.M.C.B. da familia e do servizo de medicina psiquiátrica que o examinou no hospital da Coruña.

Ler máis



DIRECCIÓN GENERAL DE TRÁFICO
Se queren obter resposta, xa saben, envien a solicitude en español

A Dirección Xeral de Tráfico négase a responder un escrito por estar redactado en galego, segundo denuncia a Unión de Consumidores de Galicia. “Si están interesados en tener respuesta por nuestra parte, no duden en enviarnos su solicitud en idioma castellano”, O Parlamento galego pediu por unanimidade as competencias de Tráfico para a Xunta en 2008, mais en 2010 o Congreso tombou a petición e con ela, o desenvolvemento da Policía Galega.

Ler máis



NUNHA INTERVENCIÓN CONTRA O RETROCESO DAS LIBERDADES
Fracasa a tentativa de sancionar un deputado do Parlamento Galego por rachar fotos do rei

Unha reprimenda por escrito. É a única medida que o PP, como grupo coa maioría absoluta no Parlamento e na súa Mesa, pode adoptar contra o deputado do BNG Luís Bará por rachar dúas fotografías do rei no cadro da defensa dunha iniciativa contra a ‘lei mordaza’ e a persecución penal da “discrepancia” política. Despois de que Bará nin sequera fose apercibido dende a Presidencia da Cámara no PP gañou peso a vontade de promover “consecuencias legais”.

Ler máis



RECOLLIDA NO RELATORIO DO CPT DO CONSELLO DE EUROPA
EsCULcA presenta nova Queixa ao “Defensor del Pueblo” por situación cruel de preso en Teixeiro

Fernando Blanco Arce, en nome e representación de EsCULcA, rexistrou Queixa o 16/04/ 2018 xunto da oficina do Defensor del Pueblo. No escrito describe a insuportábel situación do penado R.M. no cárcere de Teixeiro (encerrado na enfermaría nun cubículo de vidro) e reclama a intervención inmediata do organismo. Lembra que o Comité para a Prevención da Tortura considerou o de Teixeiro o pior dos penais do Reino de España no que a atención psiquiátrica di respecto.

Ler máis


SÁBADO 21 - COMPOSTELA-LUGO E VIGO-OURENSE
‘Marcha às cadeias’, máis de mil quilómetros en que palpar a dispersión penitenciaria

No sábado 21 de abril, dous autocarros percorrerán o camiño aos cárceres de Dueñas, Ocaña, Topas e Villabona para acabar converxendo en Mansilla de las Mulas, onde está internada actualmente a presa independentista Maria Osório. Cada un dos autocarros percorrerá entre 1.100 e 1.400 quilómetros. “Hai xente que nunca foi e, claro, alucina cos quilómetros que é preciso facer para unha visita de apenas 45 minutos”.

Ler máis




"UMHA MEDIDA PUNITIVA ILEGAL"
Causa Galiza pregunta ao delegado do goberno as razóns de perpetuar a dispersión

Causa Galiza pregunta ao delegado do goberno español en Galiza, Santiago Villanueva, sobre as razóns para perpetuar a dispersión de presos e presas independentistas galegos. A organización independentista cualifica esta política de “ilegal” e lembra que supón o incumprimento da propia lexislación española así como de convenios e normas internacionais. Que sentido tem manter umha medida punitiva que degrada a situaçom económica das famílias e contorno social?”

Ler máis




NO PROGRAMA 'GALICIA NOTICIAS'
O Tribunal Superior condena a CRTVG por vulnerar o dereito á folga o 8M

“Declaramos vulnerado o dereito a folga da CUT como central convocante da folga xeral de 24 horas en Galiza”, di o primeiro punto das conclusións do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), “ao minorizar a empresa o efecto da folga mediante a substiución dunha traballadora folguista”. Foi o caso do programa Galicia Noticias Mediodía, cuxa presentadora secundou a convocatoria feminista do 8 de marzo mais foi substituída por un traballador.

Ler máis




XIV CARREIRA POPULAR DO CONCELLO DO PINO
Atleta desclasificada por vestir camisola reivindicativa contra a mina de Touro-O Pino

Sabela Rei, cadete do Club Sar Vermú San Petroni, entrou en segunda posición na súa categoría. Porén, a atleta de Rois foi descualificada por vestir unha camisola cun lema contrario á mina de Touro-O Pino. A carreira, organizada polo propio concello, formaba parte do V Circuito de Carreiras Populares da Deputación da Coruña e foi controlada polo Comité de xuíces da Federación Galega de Atletismo.

Ler máis




POR GRITAREN "LLIBERTAT" NO MINUTO 17:14 DO XOGO
Peña do Barça denuncia que a policía española expulsou do Riazor dous seareiros blaugrana

A policía española e membros da seguranza do estadio expulsaron dous seguidores do Barça do estadio de Riazor, onde o clube blau-grana xogaba contra o Deportivo da Coruña, por teren coreado proclamas independentistas (“independència” e “llibertat”) no minuto 17:14 do xogo, segundo denunciou nun chío a peña Almogàvers. O primeiro foi expulsado de inmediato, o seu compañeiro na segunda parte do xogo ao ser recoñecido por un membro da seguranza privada.

Ler máis




MAIO




"FRONTE Á HIPOCRESÍA, DEFENSA REAL DA LINGUA"
Unha acción reivindicativa de Galiza Nova acaba coa identificación policial de once persoas

Nesta sexta feira, militantes de Galiza Nova despregaron perante a sede da Secretaría Xeral de Política Lingüística unha faixa en que se lía “fronte á hipocresía, defensa real da lingua”. En twitter, a organización xuvenil do BNG afirmaba que o sentido deste acto era denunciar “as políticas galegofóbicas do goberno do PPdeG e o falso plano de dinamización lingüística presentado pola Xunta de Galiza”. 11 delas foron identificadas pola policía.

Ler máis



DUN ESTADO SUPOSTAMENTE ACONFESIONAL
Alcalde de Vigo participa en actos relixiosos como autoridade pública

Nunha época de esplendor relixioso e artístico na Galiza, no século XII, en Bembrive iniciouse a construción dun do tres únicos exemplos do románico que se conservan hoxe no municipio. A parroquia celebrou no pasado día 6 de maio os seus oitocentos anos cunha misa oficiada polo bispo da Diocese de Tui-Vigo, Luís Quinteiro Fiuza e o seu párroco, Jesús Barros, á que asistiu, na súa condición de alcalde de Vigo, Abel Caballero.

Ler máis



A IRMANDADE XURÍDICA GALEGA
Presentan tradución para galego da Resolución do TS de Schleswig-Holstein

A Asociación de Funcionarios para a Normalización Linguística disponibiliza a Resolución do Tribunal Superior do Land de Schleswig-Holstein (05/04/2018) sobre a Orde europea de entrega de Carles Puigdemont, no marco do proceso catalán, en tradución para o galego de Marta García Mosquera, Profesora Contratada Dra. de Dereito Penal (UVigo) e Xosé Manuel Pacho Blanco, Dr. en Dereito e Profesor de Filosofía do Dereito (UVigo) e Avogado en exercicio.

Ler máis



CÁMARAS EN FUNCIONAMENTO DESDE O ANO 2011
Ninguén responde polas gravacións irregulares da Asociación de Empresarios en Arzúa

O colectivo Dereitos Civís informa que en febreiro de 2017 denunciou a instalación ilegal de videocámaras de vixilancia no Polígono do Concello de Arzúa, en funcionamento desde 2011. En xaneiro deste ano a Axencia Española de Protección de Datos arquivou a denuncia, despois de a Asociación de Empresarios ter afirmado que apagara as cámaras. Mais nada di sobre o feito de as cámaras teren estado gravando de forma continuada desde 2011.

Ler máis



ACAMPADA CONTRA A POBREZA:
Juan: “Sacáronme a golpes moitas veces, mais voltarei á praza”

Juan leva 1 ano e 3 meses acampado na Praza do Rei en defensa dos dereitos das persoas que dormen á intemperie nas rúas de Vigo. Agarda unha reunión co alcalde a escasos metros do Concello. Onte, foi detido e liberado horas por levantar unha tenda. Unha semana antes, os policías levaran outra alegando que non podían ter máis de sete tendas no seu espazo, así que pensou construír unha máis grande para non incumprir a norma. Por este feito foi detido.

Ler máis



LANZA O COLECTIVO DEREITOS CIVIS
Recollida de fondos para recorrer sanción a siareiro multado por exhibir estreleira

O colectivo Dereitos Civis lanza unha campaña para arrecadar 500€ que serán destinados a recorrer a sanción imposta a un siareiro do Ponteveddra que exhibiu unha estreleira no estadio do Pasarón. Os funcionarios policiais afirmaron que a exhibición da bandeira provocara unha reacción negativa no equipo contrário, o Rácing de Ferrol. No entanto, seareiros deste equipo manifestaron que iso non era verdade e cualificaron a sanción de represión

Ler máis



INJUSTIFICADA E IRREGULAR
BRIGA informa de intervençom policial contra um militante da sua organizaçom

A organizaçom juvenil BRIGA informa da estranha intervençom policial a que foi submetido um dos seus militantes. Abordado por dous agentes à paisana na noite do 3 de maio quando voltava a casa, foi identificado e inspecionado, e o mesmo umha pessoa que o acompanhava. Posteriormente, sen daren razom algunha, os agentes confiscarom material formativo e pessoal que o ativista levava na mochila, apesar de ele nom autorizar o confisco.

Ler máis


CASO DE PRESO EN TEIXEIRO SOMETIDO A TRATAMENTO CRUEL
Oficina do Defensor del Pueblo comunica a EsCULcA abertura expediente

Concepció Ferrer i Casals, Adxunta Segunda na oficina do Defensor del Pueblo, comunicou a EsCULca no pasado 4 de maio, en resposta à súa Queixa de 16 de abril deste ano, a abertura de expediente a nome de R.M., preso no cárcere de Teixeiro que padece unha situación en extremo cruel na enfermaria do penal. Segundo Ferrer i Casals, o Defensor del Pueblo solicitou información á Secretaria Xeral de Institucións Penitenciarias sobre este caso.

Ler máis




ISOLADO EN CUBÍCULO DE VIDRO NA ENFERMARIA
Preguntan no Congreso sobre situación de preso no cárcere de Teixeiro

O deputado no Congreso Miguel Anxo Fernández Bello (Podemos-En Comú Podem-En Marea) presentou no pasado 11 de maio, para a súa resposta por escrito, pregunta relativa á falta de condicións dignas e en consonancia cos dereitos humanos no cárcere de Teixeiro do preso R.M., transferido do penal da Lama a este Centro Penitenciario e aquí recluído en isolamento nun cubículo de vidro sen outra mobília ou obxecto que a cama.

Ler máis



UN FEITO ATÉ AGORA INÉDITO EN COMPOSTELA
Requisa de ‘estreleiras’ a seareiros do Compostela no estadio de San Lázaro

O Compostela xogaba no domingo no estadio de S. Lázaro contra o Espanyol B o xogo de ida do play off de ascenso a Segunda B. Seguidores da equipa branquiazul denuncian que foron impedidos de acceder ao estadio con bandeiras galegas coa estrela vermella, nunha decisión inédita: “Non lembro que se fixese algunha vez e se se fixo tivo que ser hai moitos anos ”, afirma un seareiro, en referencia á prohibición de acceder ao estadio “con simboloxía nacional”.

Ler máis



A INSUMISA: "QUE MELLOR NOME PARA UN CUARTEL OKUPADO"
Coruña: dura carga policial no despexo do Centro Social Autoxestionado A Insumisa

Varias persoas resultaron feridas na carga policial contra as persoas defensoras do CSOA A Insumisa que tentaban recuperar este centro social da Coruña, que horas antes fora despexado pola Policía Local, pondo fin así a máis de ano e medio de autoxestión e asemblearismo no que popularmente se coñecía como Campo da Estrada. Segundo diversos medios, resultaron feridas dúas persoas que apoiaban o CSOA, un policía e un cámara de TV.

Ler máis



CONCELLEIRA NEGA A VIOLENCIA APESAR DAS IMAXES GRAVADAS
Solidariedade dos centros sociais de Galiza coa Insumisa e crítica ás cargas policiais

Desde Vigo, Compostela, Ourense, Ferrol ou da propia Coruña. Os centros sociais amosaron nestas horas a través das redes sociais a súa solidariedade co CSOA A Insumisa e o seu rexeitamento frontal ao que cualifican de “represión” no desaloxo deste espazo autoxestionario coruñés. A concelleira Rocío Fraga nega que houbese cargas e afirma que, se houbo violencia, foi porque os policías tiveron de defenderse. Un vídeo desmente as afirmacións da concelleira.

Ler máis


"CANDO ME FALAN DE ESPAÑA SEMPRE TEÑO UNHA DISPUTA..."
Hai 38 anos: cando Suso Vaamonde tivo que exiliarse pola letra dunha canción

O cantautor galego Suso Vaamonde soubo ben da fraxilidade da democracia española xurdida da transición e de que lastres era esta debedora. Comprobouno nas propias carnes: catro anos de exilio e 46 días de prisión. Todo polo novo retrouso dunha canción popular (‘Uah!’) cantada nun concerto. Valtonyc está, 38 anos despois, e tamén a raíz das letras de cancións, seguindo o camiño que xa percorrera o de Pontecaldelas a principios dos 80.

Ler máis


MEDIOS PÚBLICOS POSTOS AO SERVIZO DUNHA IDEOLOXÍA
Persoal da TVG e a RG únese á campaña ‘en negro’ contra a manipulación informativa

Persoal da TVG e da RG uniuse na pasada sexta-feira á campaña en negro que levan a cabo traballadoras e traballadores da RTVE desde hai semanas, en solidariedade coas súas demandas e para esixir a creación do Consello de Informativos e denunciar a manipulación informativa nos medios públicos galegos. Nunha novidosa protesta, xornalistas, operarios e demais empregados vestiron de negro e concentráronse na entrada principal da CRTVG.

Ler máis




CONTRA A MANIPULACIÓN DA CRTVE E DA CRTVG
Colexio de Xornalistas pede aos medios públicos buscaren independencia do poder político

O CPXG di estar “preocupado polo visible deterioro das relacións laborais nos medios de comunicación”. “A Liberdade Editorial -que permite que cada medio decida os feitos que visibiliza, os enfoques, o seguimento ou a relevancia que lles outorga na distribución do espazo e do tempo- é un piar básico da liberdade de prensa, pero xamais debe ser escusa para a imposición vertical dunha liña ideolóxica que furte o necesario debate das redaccións”, apunta.

Ler máis





XA ANTES FORAN MULTADAS EMBARCACIÓNS PESQUEIRAS
Garda Civil denuncia embarcación galega por non ter izada a bandeira española en porto

O pasado mes de marzo unha embarcación do porto de Ribadeo foi multada por non ter izada a bandeira española o 24/12/2017. Un incidente do que informaba El Progreso, xornal no que Capitanía Marítima explicaba que tramitara a multa debido a que a Garda Civil remitira unha denuncia a este respecto. Un decreto de 1980 fixa que as embarcacións amarradas a porto de menos de 24 metros de eslora deben ter izada a bandeira española a bordo nos días feriados oficiais.

Ler máis





TRES PERSOAS MULTADAS - 601€ CADA
1.800€ de multa por exhibiren unha faixa solidaria cos presos e presa independentistas

Axentes da Policía española identificaron no pasado setembro 3 activistas de Ceivar que exhibían unha faixa en solidariedade coas presas e presos independentistas e cursaron denuncia por “infracción grave” do art. 36.6 Lei de protección de seguranza cidadá, que contempla multas de até 30.000€. Neste caso, a proposta de sanción é de 601€ para cada unha das tres persoas. O art. fai referencia á desobediencia ou negativa a se identificar a requeremento a autoridade.

Ler máis




XUÑO


COLECTIVO LUGO SEN MORDAZAS
Convocan concentración diante do Consello contra a Ordenanza Mordaza

O colectivo Lugo sen Mordazas, convoca concentración contra a Ordenanza Cívica, máis coñecida como “Ordenanza Mordaza” que quere aprobar o Concello de Lugo. Será mañá, día 31 ás 9:45 diante do Concello (Praza Maior) coincidindo co pleno. O colectivo chama a sumarse e protestar ante a represión contra as organizacións e colectivos sociais, así como a persecución aos sectores máis vulnerabeis e o corte de dereitos individuais e colectivos.

Ler máis



TEN XURISDICIÓN SOBRE MÁIS DE MIL PERSOAS PRESAS
Investigan se a xuíza de Vixilancia Penitenciaria de Lugo ten unha consulta de tarot

A xuíza de Vixilancia Penitenciaria de Lugo, M.J. García, está a ser investigada sobre unha posíbel consulta de tarot e videncia. Segundo publica El Progreso é ela mesma quen bota as cartas nun apartamento da Av. Ramón Ferreiro e cobra entre 15 e 20€ por sesión. Ademais, sería tamén ela quen coloca nos parabrisas dos vehículos estacionados na zona pasquíns en que anuncia os seus servizos: “Tarotista y vidente con gran experiencia echa las cartas del tarot en persona”.

Ler máis



DESTA VOLTA NO LOCAL DO BNG
Colectivo Republicano re-inaugura exposición retirada en Redondela por queixas policiais

En 2017 o Colectivo Republicano de Redondela inaugurou na Xunqueira unha exposición intitulada Criminalización do pensamento con fotografías de diversas actuacións de unidades antidisturbios na historia da vila -caso de protestos laborais nos 80 do século pasado- e noutros puntos do Estado. Sobre unha das cargas o colectivo agregaba unha reflexión: “Isto pasaba no 1987 en Redondela; estamos no 2017 e seguen a mallar en nós, que está pasando?”.

Ler máis



ESCULCA PRESENTA QUEIXA AO DEFENSOR DEL PUEBLO
Preso na Lama en réxime de vida considerado tortura por organismos internacionais

EsCULcA presentou Queixa perante a Oficina del Defensor del Pueblo o 1 de xuño polo réxime de vida a que está sometido o penado DMQ, interno no cárcere da Lama, obrigado a permanecer 24 horas ao día en absoluta soledade sen comunicación con outros presos, sen actividades programadas, apesar de estar en tratamento farmacolóxico psiquiátrico con base patolóxica previa, o que supón un risco grave para a súa integridade física e vida.

Ler máis



"EXALTACIÓN MILITAR E CASTRENSE" UNHA ACTIVIDADE ESCOLAR?
Denuncian “manipulación e adoutrinamento” de escolares que visitaron a Escola Naval de Marín

Na pasada sexta-feira 1.262 escolares de Marín e Pontevedra (Inmaculada, San Narciso, Carballal, Sequelo, A Laxe e Salvador Moreno) visitaron a Escola Naval de Marín como parte das celebracións do 75 aniversario das instalacións militares. Foron recebida/os polas autoridades do recinto e polo almirante xefe de Estado Maior da Armada, Entre as actividades en que participaron na Escola houbo varias “de coñecemento e manexo de armas de grande calibre”.

Ler máis



«SE ESTÁS EN SITUACIÓN IRREGULAR, BÓTANTE SEN RODEOS»
Maratona de xuízos nunha mañá para deportar migrantes en situación administrativa irregular

No 2017, os dous xulgados do contencioso de Vigo celebraron 32 xuízos por expedientes de Estranxeiría que propuñan a expulsión do migrantes mais a cifra aumenta este ano debido ao impacto causado pola sentenza do Tribunal Europeo de 2015, que obriga as autoridades do Reino de España a aplicar de forma máis expeditiva a repatriación de migrantes en situación administrativa irregular, sen lles dar oportunidade de pagar unha multa.

Ler máis



PREMIADO DOCUMENTARIO SOBRE A VIOLENCIA INSTITUCIONAL
Dia 14 de xuño: A Cifra Negra da violencia institucional na Biblioteca Pública de Ourense

A instancias de Empatik Films, o CineClube Padre Feijóo, en colaboración con EsCULcA, programa a proxección do premiado documentario La Cifra Negra (84 min.), dirixida por Alex Payá, ás 20:30 horas da próxima quinta-feira (dia 14 de xuño) no salón de actos da Biblioteca pública #CasaDaCultura de Ourense. A entrada é de balde e a presentación do documentarioi correrá a cargo de Fernando Blanco Arce, vice-presidente de EsCULcA.

Ler máis



BANDEIRAS ESPAÑOLAS E CAMISOLAS DE LA ROJA
Polémica pola utilización de crianzas na escola infantil Garabatos de Vilagarcía

“Los pequeños y sus educadoras apoyando a nuestra selección. Vamos España!!” No FB da escola infantil Garabatos de Vilagarcía aparece esta frase acompañada da foto dunha aula en que se ven educadoras e crianzas coa camisola da selección española entre unha profusión de bandeiras ‘rojigualdas’. A imaxe axiña xerou nas redes protestos de internautas que consideran a imaxe un “despropósito” e unha falta de respecto aos dereitos das crianzas.

Ler máis



APROBADA POR UNANIMIDADE NA COMISIÓN PRIMEIRA
Aprobada por unanimidade Proposición non de Lei contra o masacre do pobo palestino

No texto aprobado, a Comisión Primeira “rexeita a decisión de Estados Unidos de recoñeceren Xerusalén como capital de Israel ao tempo que tamén demanda unha rectificación por parte dos USA neste recoñecemento de capitalidade”. A Comisión tamén acorda “instar ao Goberno galego a dirixirse ao Estado español para que proceda a ter unha actuación contundente nas institucións internacionais nas que está presente, nomeadamente na Unión Europea e na ONU”.

Ler máis



CONVOCATORIA URXENTE DE CONCENTRACIÓN SOLIDARIA
Duas persoas detidas polos incidentes acontecidos durante o despexo do CS A Insumisa

Dúas persosa foron detidas na Coruña hoxe, día 19, en relación co despexo do CSO A Insumisa o 23 de maio; segundo informa o propio colectivo nas redes sociais. “Pasarán pola tarde a disposición xudicial”, din, sen por agora teren transcendido máis datos. Anuncian convocatoria urxente de concentración solidaria ás 17:00 horas no Xulgado para mostrar o apoio a estas persoas e o rexeitamento polas represalias contra movementos sociais.

Ler máis



EN QUE RESULTARAN FERIDAS VARIAS ACTIVISTAS
Prisión por sedición e atentado para un dos detidos polos incidentes no despexo da Insumisa

A xuíza enviou a prisión de maneira provisoria unha das persoas detidas onte na secuencia dos incidentes do 23 de maio na Coruña. Acúsao de delitos de atentado e lesión -agravados por uso de instrumento perigoso- e de sedición “por se alzar tumultuariamente contra os axentes alí destacados”. As penas poderían chegar até os quince anos de cárcere. O segundo detido ficou en liberdade ao non ser posíbel imputarlle ningún acto de violencia específico.

Ler máis




247 ANOS DE CÁRCERE E MEDIO MILLÓN DE EUROS DE MULTA
Un manifesto de solidariedade cos ’19 de Meirás’ suma apoios desde diferentes países

Promovido por unha vintena de nomes da política, a sociedade e a cultura galegas, recibiu xa o apoio de eurodeputados de diferentes países, músicos como Lluis Llach ou Valtonyc, actores como Willy Toledo e representantes como o vicepresidente do Parlamento Europeo, Dimitris Papadimoulos.“Defender a democracia, a liberdade, a xustiza e a dignidade colectiva non é apenas un dereito, senón unha obriga”, comeza o Manifesto en apoio a acción dos 19 de Meirás.

Ler máis




A INSUMISA, ACOSO A MIGRANTES, MULTAS DE VIÉS XENÓFOBO
EsCULcA demanda medidas contra actuacións irregulares da Policía Local da Coruña

No pasado 6 de xuño, EsCULcA enviou ao grupos do Concello da Coruña escrito en que mostra a súa preocupación pola actuación da policía municipal nos feitos acontecidos no despexo do C.S. A Insumisa o 24 de maio. O observatorio cre que existen razóns fundadas para pensar que nesa intervención producíronse irregularidades que deben ser recoñecidas e evitadas no futuro, nomeadamente agresións a persoas con armas perigosas (gas lacrimóxeno, porras extensíbeis…).

Ler máis




SITUACIÓN "MOI GRAVE E PREOCUPANTE" DENUNCIA O MGSM
Devastador relatorio do Defensor del Pueblo contra métodos aplicados no H.P. de Conxo

Sobremedicación de psicofármacos, inadecuada utilización da inmobilización de pacientes con sistemas de suxeición como castigo, carencia xeral de recursos asistenciais, instalacións obsoletas, infradotación de profesionais sanitarios básicos ou o inadecuado rexistro e documentación de actuacións son algunhas das deficiencias e malas praxes detectadas por técnicos do Mecanismo Nacional de Prevención de la Tortura aloxado na oficina do Defensor del Pueblo.

Ler máis




E 600 EUROS DE MULTA
A Fiscalía mantén a petición de 5 anos e 8 meses de cárcere para o activista Emilio Cao

O procurador decidiu manter a pena de 5 anos e 8 meses de cárcere para Emilio Cao, o mozo galego acusado de desordes públicas durante a súa participación en 2014 a Marcha da Dignidade en Madrid. Así o explicou aos medios o avogado, Enrique Santiago, despois da vista oral no Xulgado do Penal nº 6 de Madrid nesta ssegunda feira. Ademais 2 anos de cárcere, a Fiscalía mantén 600€ de multa, aínda que retira a sanción de 2 meses de multa penal.

Ler máis




E O QUE INGRESARA EN PRISIÓN
En liberdade o terceiro detido polos incidentes acontecidos durante o despexo de A Insumisa

A Policía Nacional detivo onte pola mañá unha das cinco persoas identificadas no atestado do 091, elaborado en base ás dilixencias da Policía Local, por mor dos incidentes acontecidos durante a mañá do pasado 23 de maio no despexo da antiga Comandancia de Obras. Pola tarde, o arrestado foi posto a disposición do xulgado de garda, que decretou a súa posta en liberdade coa obrigación de comparecer cada quince días no xulgado.

Ler máis




A PLATAFORMA DE APOIO DISPONIBILIZA AUTOCARROS
O activista Emilio Cao será xulgado en madrid o próximo día 25 de xuño

Esta segunda feira, 25 de xuño, será retomado no Xulgado do Penal de Madrid, o xuízo contra Emilio Cao, procesado por participar en 2014 na Marcha da Dignidade en Madrid. O xulgamento ficara adiado por incomparecencia de dous axentes policiais que debían prestar testemuño. A Fiscalía pede 5 anos e 8 meses de prisión “por ‘agresión e atentado á autoridade’ . O mozo considera que este caso é unha mostra máis da “falta de democracia” no Estado español.

Ler máis




COLOQUIO SOBRE TORTURA E IMPUNIDADE NO REINO DE ESPAÑA
5 de xullo – nos Multicines Norte de Vigo- proxección do filme “La cifra negra”

No próximo 5 de xullo, quinta-feira, será proxectado nos Multicines Norte de Vigo o filme “La Cifra Negra”, un documentario sobre tortura e impunidade no Reino de España dirixido por Ales Payá. A seguir a proxección haberá un debate sobre en que participará Guillerme Presa Suárez, avogado e membro de EsCULcA, que ten un coñecemento directo, como profesional e activista, da situación nos cárceres ubicados no noso país.

Ler máis




NON LLE FOI PERMITIDO PARTILLAR VIVENDA CUNHA COMPAÑEIRA
A Xunta condenada a indemnizar unha muller polas esixencias postas para cobrar a Risga

A política do goberno de Núñez Feixóo sobre a Renda de integración social (Risga) ten sido albo de numerosas críticas, tanto polos criterios como pola contía ou a orientación das mesmas. Esa política vén de recibir unha labazada en forma de sentenza xudicial: a Xunta é condenada a indemnizar unha muller, Lucía A.F. polos prexuízos económicos e morais causados pola obrigación de mudarse da vivenda que partillaba cunha compañeira para non perder a Risga.

Ler máis




SEN DEREITO A FOLGA E MANIPULACIÓN INFORMATIVA
CRTVG: Venres negros, condena por vulnerar a folga do 8-M e dimisións de presentadores

Horas convulsas na TVG. 2 xornalistas presentan a demisión en desacordo coa política informativa a medio dun clima xeral de protestos contra a manipulación e o control da información do Goberno Feijóo. Os ‘venres negros’ iniciados por un grupo de mulleres na TVE prenderan semanas antes no canal galego onde decenas de profesionais se concentran -de negro- o último día da semana laboral e despois amplifican as reivindicacións nas redes sociais.

Ler máis




CONCENTRAÇOM 27/06 - 10:30 - JULGADOS DA CORUNHA
Procurador pede ano e meio de cadeia e multa económica para activista do C.S. Gomes Gaioso

O CS Gomes Gaioso convoca umha concentraçom para o dia 27 de junho, às 10:30 horas, diante dos Julgados da Corunha, em apoio da activista Aida, para quem a procuradoria pede ano e meio de prisom e multa económica por um alegado delito de atentado a autoridade. A activista teria produzido varias lesons a dous membros da UIP ao os deitar no chao. A inverossimil versom policial contrasta com as das testemunhas que afirmam terem sido os agentes os agressores.

Ler máis





NO DESPEXO DA SEDE DO C.S.O. A INSUBMISA
EsCULcA solicita información ao Concello da Coruña sobre actuación de forzas policiais

Con data de rexistro 25 de xuño, Fernando Blanco Arce, en nome e representación de EsCULcA, dirixiu escrito ao Concello da Coruña en que solicita información sobre as actuacións das policías local e española o pasado 23/05/2018 no decurso do despexo das instalacións da Comandancia de Obras onde tiña a súa sede o C.S.O. A Insumisa, Unha informacíón sen causa de restrición e necesaria para o labor de recompilación de dados en que traballa o Observatorio.

Ler máis










http://www.esculca.gal/web/sites/all/themes/marinelli/img/logo.png